1970 - 2020: 50 anos de cine en Ourense

A principios do curso 1970-71 naceu, como actividade cultural dentro da Escola de Maxisterio da que toma o seu nome; o Cineclube Padre Feijoo, herdeiro da tradición cineclubista da cidade que durante os sesenta foi representada polos cineclubes Ourense —de efémera vida, nado no verán de 1960 e fenecido pouco despois— e Miño —posto en marcha ao pouco de pechar o anterior, e aberto ata 1964—.
Nos setenta, o Padre Feijoo «desbordará os límites dun mero cine-clube e converterase nun dos elementos máis dinamizadores do movemento cultural, contribuíndo ao xurdimento e desenvolvemento dunha das manifestacións cinematográficas máis interesantes da década: as “Xornadas de Cine en Ourense“» (Ángel Luis Hueso en Historia do Cine en Galicia, Vía Láctea, 1996, pp. 185-6). As Xornadas pasan no 78 a se denominar «Xornadas do Cine das Nacionalidades», abandeirando así o nacente cinema galego entre os das outras comunidades históricas do Estado.
Durante os oitenta, e xa definitivamente separado da Escola, o Cineclube segue con ciclos como as Mostras Cinematográficas (oito edicións) ou, máis tarde, o titulado «Espacios fílmicos», en colaboración co Cine Dúplex. A isto hai que engadir a organización de cursos de formación cinematográfica e conferencias, ciclos de cinema infantil, de humor, expresionismo alemán, cinema francés,… e a edición de folletos e catálogos en galego practicamente desde a súa fundación (especialmente desde 1974; v. Marcos Valcárcel, «Apuntes para a historia do cineclubismo galego», en Entregas de Comunicación Cultural, nº 7, Consellería de Cultura, 1984).
As proxeccións do Padre Feijoo teñen pasado por multitude de salas durante estes anos, desde cinemas comerciais ata salóns de actos públicos ou privados; coa inauguración en 1977 da Casa da Cultura (un ano despois Biblioteca pública), o seu salón de actos é acondicionado, mediante a instalación de dous vellos proxectores OSSA (1940) de 35 mm, mercados de segunda man e que teñen posibilitado que o Cineclube teña en Ourense unha especie de ‘sede’ para as súas sesións. Soamente a fins dos noventa pasou a utilizarse de forma intermitente o Teatro Principal, equipado co gallo do Festival de Cinema Independente  (utilización interrompida despois por un cambio na política da xerencia da sala).
Despois dun periodo de proxeccións  no Cinebox, (interrompido pola quebra da compañia) proxecta de novo na Casa da cultura (rúa Concello, 11) e adquire un novo proxector de 35 mm, unha nova pantalla (6×2.8 aprox.), dous proxectores dixitais e adapta a instalación de son do salón de actos con Dolby dixital.
No ano 2010, recibimos o premio MOROGO, outorgado polo Café Isaac en razon…” por demostrar con constancia e poucos recursos económicos que cando a proposta cultural ten calidade, os ourensáns respostan  facendo honra ao vello apelativo de que ésta é a Atenas de Galicia.
Logo de ser unha referencia cultural na dictadura e a transición, e de sucumbir no seu día as presións do sector máis retrogado da nosa  sociedade, ate o punto de acabar sendo unha entidade marxinal, seus actuais xestores, souperon revitalizar éste foro que foi fundamental na nosa cultura moderna, e aglutinar aos amantes da cinematografía ourensán, ao redor de cintas que non acostuman a chegar ás nosas salas de proxección. Pezas fundamentais do séptimo arte que de non ser polo tesón e interese cultural amosado polo Cineclube Padre Feijoo, non serían accesibles aos ourensáns que respostan coa sua asistencia ás proxeccións”
En febreiro de 2019, recibíu de xeito colectivo (por medio da Federación de cineclubes de Galicia) o premio José Sellier dos Mestre Mateo 2018.

Comentarios